Tuesday 17 de September de 2024

Neda reforza a súa brigada municipal de rozas coa contratación dun terceiro peón


O Concello de Neda vén de reforzar a súa cuadrilla de rozas coa incorporación dun novo peón. Contratado con cargo ao programa Aprol Rural 2024, desenvolverá nos próximos meses tarefas de eliminación de vexetación en vías e noutros espazos públicos municipais, así como labores de prevención dos incendios forestais.

O novo traballador, que ata o momento se atopaba en situación de desemprego, súmase ás dúas peoas, que dende o mes de maio conformaban a brigada municipal. O reforzo permitirá potenciar as labores de tarefas de roza en zonas ás que non chegan os tractores, e os traballos preventivos de lumes nas faixas secundarias.

Ao igual que as súas compañeiras, o terceiro integrante da cuadrilla, activada co apoio económico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración estará contratado a tempo completo durante nove meses.

Dende o Concello confíase en que experiencia e práctica que acumulen no marco do proxecto municipal “Medidas para a prevención de incendios forestais e recuperación de itinerarios de interese natural” contribúan a facilitar a posterior inserción laboral destes traballadores.